Volven os monólogos R

mércores, 8 de marzo do 2023 Marcus Fernández

O operador R leva 15 anos apostando polo humor do país coa súa xira de monólogos que está de regreso. Esta nova edición dos monólogos R terá como protagonistas a Xosé A. Touriñán, Lucía Veiga, Carlos Blanco, Celso F. Sanmartín e Pepo Suevos, que se encargarán de provocar as gargalladas do público na Coruña e Vigo.
A primeira das citas dos monólogos R será o domingo 19 de marzo no PALEXCO da Coruña, con sesións ás 17:00 e ás 20:30, encargándose de facer rir nesta ocasión o humorista Xosé A. Touriñán (Catro Gatos, Fariña), quen fará de mestre de cerimonias, contando tamén no escenario coa actriz Lucía Veiga (Malicia Noticias, Rapa, Era Visto) e o contacontos Celso Sanmartín (Luar).
O 26 de marzo os monólogos R trasladaranse ao Auditorio Mar de Vigo, onde ás 20:00 o célebre humorista e actor Carlos Blanco (Mareas Vivas, La Unidad, Fariña) conducirá o espectáculo no que conversará con Lucía Veiga e co cómico e actor Pepo Suevos (Terra de Miranda, Land Rober, Luar).
Os monólogos partirán da pregunta «dismo ou cóntasmo?», e para poder gozar dos mesmos haberá que facerse cun dos convites que R ofrecerá a través de concursos nas súas redes sociais.

PUBLICIDADE