Warcraft III volve reforxado

mércores, 29 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Warcraft III é un deses xogos que non precisan presentación por terse convertido en todo un referente en 2002 grazas á súa proposta de combate e tácticas que namorou a millóns de xogadores de todo o mundo e, Blizzard, como un xeito de adaptalo a máquinas actuais, vén de estrear Warcraft III: Reforged, título que combina Warcraft III: Reign of Chaos coa súa expansión The Frozen Throne, cunha revisión completa dos personaxes, as estruturas, os contornos, as animacións e os gráficos.
Este xogo renovado a nivel gráfico e visual, conta cunha sólida historia para un xogador que abarca 7 campañas individuais, aínda que tamén coidou o seu multixogador (que permite o xogo cruzado co título orixinal) e tamén renovou o seu editor de mundos.
Warcraft III: Reforged ofrece máis de 60 misións que poderemos gozar dende o punto de vista de 4 faccións (orcos, humanos, elfos ou non-mortos) e podémolo adquirir por 29,99 euros na súa versión estándar ou por 39,99 euros na súa edición Botín de Guerra, que inclúe 4 aspectos de heroe adicionais, unha montura catapulta de despoxos e un cofre con obsequios dixitais para varios xogos de Blizzard.

Tráiler de Warcraft III: Reforged

PUBLICIDADE