Warface inicia a súa beta para Xbox 360

mércores, 5 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

En primavera está previsto que chegue ao mercado un novo shooter free-to-play en primeira persoa desenvolvido por Crytek, que dende hoxe ten dispoñible unha versión de proba para Xbox 360, de xeito que os usuarios da consola doméstica de Microsoft poderán comezar a experimentar con esta proposta de acción multi-xogador cooperativa e competitiva que promete uns gráficos impresionantes grazas ao motor CryENGINE 3. A beta de Warface para Xbox 360 estará dispoñible en EE.UU., Canadá, México, Reino Unido, Francia, Italia, Alemaña, países nórdicos, Australia, Nova Zelandia e España, precisando para funcionar unha subscrición a Xbox LIVE Gold e disco duro.
A versión de proba do xogo de Crytek permitirá probar a experiencia de combater nun contorno de guerra nun futuro próximo, podendo así comprobar o funcionamento das súas catro clases: soldado de infantería lixeira, médico, enxeñeiro e francotirador. Os xogadores recibirán actualizacións regulares durante a beta, con misións cooperativas novas a diario e numerosos contidos que irán chegando continuamente para poder poñelos a proba antes do lanzamento oficial deste ambicioso xogo.
A beta do xogo está dispoñible para PC dende o pasado 27 de xaneiro, pois cómpre destacar que este título anunciado xa en 2010 estaba previsto só para ordenadores persoais, e non foi ata o pasado verán cando se confirmou que este FPS podería gozarse na Xbox 360 dende primeiros do presente ano.


Trailer da versión de proba de Warface para Xbox 360

PUBLICIDADE