Watch Dogs adía o seu lanzamento ata 2014

martes, 15 de outubro do 2013 Marcus Fernández

O vindeiro 22 de novembro debería chegar a PC, Xbox 360, Xbox One, PlayStation 3, PlayStation 4 e Wii U un dos meirandes lanzamentos de Ubisoft e moito tempo, o xogo Watch Dogs, que pretende amosar o camiño cara ao que irán moitos xogos de nova xeración, e que finalmente non respectará a data de lanzamento anunciada, adiando a súa comercialización á primavera de 2014 para poder mellorar a calidade do produto final. Dende o equipo de desenvolvemento aseguran precisar de “tempo adicional para pulir e afinar cada detalle para achegar unha experiencia excepcional e memorable”.
En Watch Dogs os xogadores poderemos asumir o papel de Aiden Pearce, un novo tipo de vixilante, que coa axuda do seu smartphone empregará a súa habilidade para colarse no sistema operativo central de Chicago para controlar case cada elemento da cidade. Aiden poderá meterse nas cámaras de seguridade, descargar información persoal para loclaizar obxectivos, controlar sistemas como sinais de tráfico e transporte público para rematar cunha persecución... convertendo á cidade de Chicago na arma definitiva.

En Watch Dogs a cidade será un elemento máis da acción

PUBLICIDADE