WeKCo celebra o seu primeiro aniversario con diversas actividades o mércores 25 de setembro

venres, 20 de setembro do 2013 Marcus Fernández

O espazo de coworking WeKCo, sito na Avda. Novo Mesoiro da Coruña, leva xa un ano en funcionamento e, para celebralo, organiza o vindeiro mércores unha serie de actividades coas que agardan que autónomos, emprendedores, teletraballadores e PEME achéguense a coñecer as posibilidades que poden ofrecerlle o coworking, pregándose aos interesados que se inscriban na sección de eventos da súa páxina web, para poder xestionar o aforo limitado.
A xornada abrirá ás 9:15 horas cun WeKCoDesayuno con David Bello, CEO de IPGLOBAL e WebPhone, quen explicará “o que me gustaría que me contasen, pero non me gustaría oír”, ou sexa, un relatorio sobre o emprendemento, con consellos prácticos para os que queiran por en marcha un negocio de seu. Aínda que as achegas de Bello non garantan o éxito, poderán axudar a perder a “inocencia emprendedora”, par ao que recomenda especialmente emprender “coa ilusión do que empeza e coa formación do que xa está”. Esta actividade ten un prezo de 3 euros e inclúe almorzo.
Entre as 14:30 e as 15:30 horas desenvolverase un English Lunch, xantar no que preténdese axudar a desenvolver o noso inglés dun xeito práctico, para o que comezarase vendo unha pequena charla TED que buscará desembocar nunha conversa lixeira entre os participantes. O prezo da actividade será de 8 euros, podendo os participantes levar a súa propia comida ou reservar unha ensalada xunto co café.
Xa pola tarde, o asesor de empresas Miguel Lorenzo impartirá un relatorio sobre empresas e finanzas, detallando “cinco erros que non debes cometer no teu negocio”. Esta exposición terá un custo de 2 euros e realizarase de 19:30 a 21:00 horas.
Come peche á celebración do primeiro aniversario de WeKCo, a experta en comunicación Laura González Piñeiro, conducirá un Café Creativo, encontro de profesionais para xerar ideas e solucións creativas en empresas. Esta actividade terá un custo de 3 euros (incluíndo café) e está dirixida a emprendedores e novos empresarios cun proxecto profesional ou empresa en funcionamento.
Cómpre destacar que no espazo de tempo libre entre as actividades indicadas, os interesados en probar a experiencia de coworking poderán traballar libremente nas instalacións de WeKCo.

A xornada rematará cun Café Creativo

PUBLICIDADE