Western Digital comercializa un disco duro externo con servidor Plex

mércores, 22 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Aínda que cada vez tendemos a ter máis contidos almacenados na nube, cando abandonamos o noso domicilio habitual a limitada dispoñibilidade da banda larga fainos volver a confiar nos sistema de almacenamento local, que cada día gañan máis posibilidades, e dende Western Digital fan unha proposta moi atractiva de cara ao este verán: os novos discos duros WD My Passport Wireless Pro, que nun tamaño bastante compacto (126 x 126 x 24 milímetros) permiten almacenar até 3 TB de contidos, apostando claramente pola mobilidade ao contar con batería interna recargable (cunha autonomía de até 10 horas, que incluso poder aproveitarse para recargar os nosos trebellos) e conectividade sen fíos (Wi-Fi), de xeito que cando imos de vacacións poderemos acceder aos nosos contidos multimedia dende o noso ordenador portátil ou dende dispositivos como smartphones e tabletas. Tamén integra un lector de tarxetas SD (facilitando así gardar as fotografías e vídeos da nosa cámara) e USB 3.0 para poder transferir contidos a alta velocidade.
Pero a funcionalidade realmente innovadora deste disco duro é que integra un servidor de Plex, o que facilita que os contidos audiovisuais almacenados no seu interior poidan reproducirse comodamente dende outros dispositivos, á vez que pode navegarse entre os contidos de xeito enriquecido, no que poderiamos describir como contar cun Netflix persoal, que levar connosco.
Este atractivo disco duro portátil que permítenos levar unha completa colección audiosual connosco, organizada e moi accesible dende ordenadores, smartphones, tabletas, consolas de videoxogos e televisores conectados está xa dispoñible a un prezo de 229,99 euros para o modelo con 2 TB de capacidade e a 259,99 euros para o modelo con 3 TB de capacidade.

Solución doméstica e de oficina

Para os que queiran gozar dun servidor Plex no fogar, á vez que de grande capacidade de almacenamento en rede, hai tamén a solución WD My Cloud Pro, capaz de servir até 4 fluxos de vídeo a 1.080p de xeito simultáneo, e que preséntase con versións con 2 ou 4 compartirmentos para discos duros, de xeito que poden ter até 16 e 32 TB de capacidade respectivamente, custando o modelo básico (sen discos) 459,99 euros, mentres que a configuración con 32 TB de capacidade chegaría até os 1.799,99 euros, de xeito que entendemos que non estamos ante unha solución pensada precisamente para o lecer doméstico, senón que tamén buscaría ser unha solución para o traballo en equipo ou a realización de copias de seguridade, facilitando a creación dunha nube persoal.

O WD My Cloud Pro facilita a creación dunha nube doméstica á vez que tamén pode empregarse como servidor multimedia

PUBLICIDADE