Western Digital presenta novos discos duros internos de 5 e 6 TB de capacidade

mércores, 19 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Western Digital está a ampliar a súa gama de discos duros WD Black con 2 novos modelos de 5 e 6 TB de capacidade en formato de 3,5 polgadas e de 7.200 rpm, que son unha solución perfecta para xogadores e profesionais que busquen unha grande capacidade e un bo rendemento nos seus equipos de escritorio e estacións de traballo. Estes equipos veñen a ser unha evolución dos modelos de 4 TB, conseguindo mellorar a súa transmisión de datos até un 29%, conseguindo tamén unha grande fiabilidade coa tecnoloxía StableTrac, máis caché DRAM (128 MB), un eficiente procesador dual (o que mellora a velocidade de lectura/escritura) e 5 anos de garantía. O prezo de venda destas unidades é de 289 euros para o modelo de 5 TB e de 329 euros para o modelo de 6 TB.
Por outra banda tamén temos os discos WD Red Pro de 5 e 6 TB, que veñen a ser as unidades equivalentes para sistemas de almacenamento de alta capacidade, estando optimizados para a súa instalación en contornos NAS de entre 1 e 16 baías, inclúe o firmware NASware 3.0, conta con protección vibratoria (para evitar os problemas provocados por outros discos duros e polos sistemas de refrixeración) e unha garantía de 5 anos (cando o normal neste tipo de produto é que só sexa de 3 anos). O seu prezo de venda recomendado é de 290 euros para o modelo de 5 TB e de 319 euros para o modelo de 6 TB.

PUBLICIDADE