Western Digital presenta un disco duro externo optimizado para a gravación de vídeo dende televisores compatibles

martes, 12 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

A evolución tecnolóxica que trouxo o DVD e a TDT deixou un tanto marxinada a gravación de contidos televisivos, pero iso non quere dicir que non haxa solucións cómodas e completas para facer tal, como o novo dispositivo que anunciou hoxe Western Digital, o My Book AV-TV, dispositivo que permite almacenar e reproducir centos de horas de vídeo con só conectalo ao televisor, contando tamén coas funcionalidades de time-shifting (para poder facer pausas en directo, de xeito que non perdemos ningún momento do programa que estamos a ver no caso de que interrompan o seu visionado).
O My Book AV-TV estará dispoñible con capacidades de 1 e 2 Tb, e pode conectarse directamente aos televisores con función de gravación integrada, podendo mover varios fluxos de vídeo en alta definición grazas á súa conexión USB 3.0 e cun deseño que permite colocalo xunto ao televisor dun xeito discreto (recoméndase non pegalo para facilitar a súa ventilación) e nos vindeiros días porase á venda nas canles habituais.

PUBLICIDADE