WhatsApp comeza a permitir intercambiar documentos ofimáticos

mércores, 13 de abril do 2016 Marcus Fernández

Hai un mes a última versión dispoñible de WhatsApp sorprendía incluíndo a posibilidade de intercambiar documentos PDF entre os seus usuarios, advertíndose de que esta funcionalidade funcionaría tamén con outros formatos de ficheiro e finalmente están aquí, e coa versión 2.16.25 da aplicación podemos enviar documentos con extensión .docx, .pptx e .xlsx, ou sexa, ficheiros creados co Word, Excel e PowerPoint de Microsoft (e outras aplicacións compatibles). Tamén é posible o envío de texto plano (.txt).
Esta nova funcionalidade fai que non sexa preciso recorrer ao correo electrónico á hora de remitir documentos ofimáticos a outros usuarios a través de WhatsApp, que pese a non ser unha grande demanda dos usuarios, atende a una necesidade puntual, mantendo a simplicidade da aplicación de mensaxería e evitando o risco de habilitar o intercambio de calquera tipo de ficheiro. Os novos tipos de arquivo poderanse intercambiar dende o botón de Documento que aparece cando prememos no clip para compartir contidos nunha conversa.

PUBLICIDADE