WhatsApp contará con nomes de usuario

xoves, 25 de maio do 2023 Marcus Fernández

A última versión de proba de WhatsApp para Android agocha unha funcionalidade que está en preparación e que pode verse como unha grande novidade que mudaría profundamente o funcionamento da aplicación e que consistiría na posibilidade de contar con nomes de usuario.
A nova función aínda non está visible para os usuarios, e cando a activen permitiría que os usuarios, aparte de identificarse polo seu número de teléfono, puidesen localizarse axilmente a través dun nome de usuario, permitindo así comunicarse con outras persoas sen ter que compartir o número de teléfono, ou simplemente para facilitar o contacto sen ter que lembrar unha cadea de números.
Dado que actualmente tamén hai moitas empresas que fan uso de WhatsApp Business, contar con nomes de usuario poderían facilitar o contacto con estas compañías sen facilitarlle o número de teléfono, o que tamén protexe mellor a privacidade dos usuarios.

PUBLICIDADE