WhatsApp e Gmail superan os 1.000 millóns de usuarios activos

martes, 2 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

A pasada noite Mark Zuckerberg publicou unha mensaxe en Facebook dando os parabéns a Jan Koum e Brian Acton xa que o seu popular servizo de mensaxería, WhatsApp, vén de superar os 1.000 millóns de usuarios activos, o que supón máis do dobre do que tiña cando a compañía foi adquirida por Facebook.
Zuckerberg continúa amosando a súa satisfacción por ter liberado o servizo das cotas de subscrición e asegura que continuarán a traballar para ampliar o número de usuarios que se comuniquen a través deste servizo que quere agora abrirse tamén ás empresas.
Dende o blog oficial de WhatsApp confirman que superaron a barreira psicolóxica citada, sentíndose orgullosos de que practicamente 1 de cada 7 seres humanos empregue cada mes WhatsApp para comunicarse con outras persoas, o que é un logro xigantesco se temos en conta que esta compañía só ten 7 anos de vida.

Gmail tamén supera os 1.000 millóns

Curiosamente este anuncio de WhatsApp chega cando Alphabet (Google) presenta os seus resultados trimestrais, confirmando que Gmail pasou os 900 millóns de usuarios activos o pasado mes de maio a máis de 1.000 millóns. Para algúns pode sorprender que se tardase tanto en chegar a tal volume de usuarios, pero cómpre lembrar que os usuarios son moi reticentes a mudar de enderezo de correo electrónico, e plataformas como Hotmail e Yahoo xa tiñan unha base moi sólida de usuarios. Tamén hai que salientar que falamos de usuarios activos, non de contas de correo creadas, xa que este último dato carecería de importancia (xa que existe un número significativo de contas que se crean puntualmente para ser abandonadas practicamente ao momento, o que carecería de valor para a compañía de cara á súa explotación).

JPEG - 84.8 KB
Jan Koum compartiu en Facebook os impresionantes datos actuais de WhatsApp

PUBLICIDADE