Wii Music decepciona en vendas

luns, 17 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Miyamoto durante a presentación de Wii Music

Nintendo tennos afeitos a grandes lanzamentos durante o Nadal, e así, en 2006 trouxo a Wii e en 2007 repetiu o éxito con Wii Fit, pero a aposta para este ano, Wii Music non parece estar a responder como a empresa nipona agardaba, e o xogo musical que se vende en España a 59,95 euros non está despuntar en vendas, e parece estar a ser superado por títulos bastante máis vellos coma Mario Kart Wii, Wii Fit, Wii Play e o recentemente chegado Rayman Raving Rabbids TV Party (ou incluso a versión para Wii de Guitar Hero).
Dende Nintendo aseguran non estar preocupados, e consideran que o xogo tarda en despegar porque «a xente está comezando a entender o que ofrece Wii Music», pois este título é totalmente distinto a xogos musicais coma o Guitar Hero ou o Rock Band, e non hai moita unanimidade entre a crítica sobre se o xogo chegará a consolidarse, aínda que dende a empresa de Shigeru Miyamoto pensan no mesmo como un produto que se vai manter a longo prazo (como acontece cos todos os grandes éxitos de Nintendo para a Wii).
De todos os xeitos, hai que recoñecer que Wii Music está moi lonxe das cantidades que normalmente move Nintendo coas súas estreas, pois se fala dunhas 66.000 unidades vendidas en 2 semanas, mentres que Wii Fit vendeu máis de 687.000 copias no seu primeiro mes e o Brain Training superou os 2,5 millóns de copias nas primeiras semanas, polo que non parece arriscado apuntar que o novo xogo decepciona en vendas, en boa medida porque resulta difícil de catalogar. ¿Será demasiado innovador para o público ocasional?

PUBLICIDADE