Wimbag, un produto galego para localizar equipaxes perdidas
luns, 14 de setembro do 2015
Á hora
de viaxar principalmente en avión unha das grandes preocupacións é a equipaxe,
especialmente se levamos cousas de valor na mesma, e para tranquilizar aos
pasaxeiros está a xestarse un proxecto por parte dos galegos Santiago Álvarez e Lucía Taboada, que no mes de decembro
pretende financiarse a través da fórmula do micromecenado na plataforma Indiegogo.
Esta iniciativa busca facer realidade como produto comercial Wimbag, un pequeno dispositivo localizador que
pode introducirse na nosa maleta para facilitar a súa localización no caso de
extravío. Deste xeito, no caso de perder a maleta, pódese recorrer a unha
sinxela e áxil aplicación móbil para poder localizar a equipaxe, aínda que este
sistema será un chisco máis sofisticado, incluíndo alerta de apertura non
autorizada ou por afastamento mediante Bluetooth 4.0 (advertíndonos así de
posibles roubos), desconectándose de xeito automático durante o voo, caracterizándose
por un baixo consumo (avisando mediante unha notificación cando a súa batería
baixe do 10%) e cunha característica especialmente interesante: integración cos
sistemas de equipaxes perdidas das principais aeroliñas. Esta última prestación
sería a que diferenciaría este produto de solucións semellantes como Trakdot Luggage
(produto orientado principalmente ao mercado norteamericano).
Este trebello de 80 x 60 x 15 milímetros e 100 gramos de peso non emprega GPS,
senón que establece a localización mediante as redes móbiles, o que é máis que
suficiente para saber se a equipaxe foi parar ao aeroporto correspondente,
recibíndose de xeito automático unha notificación (indicando a posición )
despois de aterrar, sendo posible consultar a posición en tempo real a cada
momento.
Aínda que faltan meses para que a campaña de microfinanciamento vexa a luz,
este proxecto xa está a promocionarse a través de Facebook, Twitter e LinkedIn, e incluso están
a preparar presenza en Instagram, procurando así facilitar o proceso de
captación de fondos que levarán ao produto a converterse en realidade.