Windjammers 2 chegará o 20 de xaneiro

martes, 14 de decembro do 2021 Marcus Fernández

O agardado xogo Windjammers 2, que colle o relevo de todo un clásico dos salóns recreativos, por fin ten data de lanzamento, confirmando dende DotEmu que verá a luz o vindeiro 20 de xaneiro, polo que xa quedan poucas semanas para que poidamos gozar da secuela do xogo de 1994.
Este novo xogo está previsto para PC, PlayStation 4, Xbox One e Nintendo Switch (retrocompatibles coas consolas de nova xeración), destacando o feito de que os subscritores de Xbox Game Pass poderán gozar das versións de PC e Xbox con xogo cruzado incluído, polo que de inicio poderá contar cunha base de usuarios moi ampla, facilitando así que se forme toda unha comunidade competitiva ao redor deste título competitivo.
Windjammers 2 chegará con 10 personaxes xogables e 10 pistas diferentes nas que poderán enfrontarse para ver quen consegue as mellores puntuacións nesta secuela desenvolvida dende cero, mantendo a esencia do xogo orixinal, pero ofrecendo uns gráficos moi detallados e adaptados a pantallas panorámicas, novas mecánicas de xogo para gañar profundidade e modos en liña para poder xogar con amigos ou prosperar na liga clasificatoria.

Tráiler no que dan conta da data de lanzamento de Windjammers 2

PUBLICIDADE