Windows 10 chegará o 29 de xullo

luns, 1 de xuño do 2015 Marcus Fernández

JPEG - 74.4 KB
Microsoft comezou a informar hoxe aos usuarios de Windows (a través dunha alerta) da vindeira actualización do seu sistema operativo de escritorio

Tras anunciar que o lanzamento de Windows 10 tería lugar no verán, dende Microsoft decidiron concretar a data final para o comezo da distribución da actualización de Windows 7/8.1 a Windows 10 no vindeiro 29 de xullo, data na que os usuarios das versións domésticas e profesionais de Windows poderán actualizar de balde o seu sistema operativo á nova versión que leva meses a ser probada por máis de 4 millóns de usuarios voluntarios, o que está a permitir o seu rápido avance.
A intención de Microsoft é levar Windows 10 aos 1.500 millóns de persoas que empregan Windows en 190 países, achegándolles unha informática máis persoal, máis segura, máis respectuosa coa información persoal, mellor integrada cos contornos móbiles e preparada para novos xeitos de interacción máis naturais como mediante a voz, os dedos ou incluso sistemas holográficos.
Aínda que Windows 10 estará presente en ordenadores, tabletas, móbiles, consolas de videoxogos, dispositivos de pequenas dimensións... durante a data indicada só se estrearía as versións doméstica e profesional de Windows, mentres que as versións corporativas irían a outro ritmo, e dispositivos como os teléfonos ou a Xbox One deberán agardar uns meses máis para poder gozar do novo Windows.
Windows 10 achegará grandes novidades como o asistente virtual Cortana (até o momento só dispoñible en Windows Phone), o navegador web Microsoft Edge, versións universais de Office (que estarían adaptadas para contornos táctiles), integración con Xbox LIVE, novas aplicacións de Fotos, Vídeos, Música, Mapas, Xente, Correo e Calendario (orientadas á sincronización na nube), Continuum (tecnoloxía que adapta a interface segundo os periféricos conectados para comportarse como un ordenador ou como unha tableta), unha tenda de aplicacións máis completa e a nova tecnoloxía de identificación Windows Hello (que aproveitará sistemas de identificación biométrica para recoñecer ao usuario de xeito seguro).
O curioso do anuncio da data de lanzamento de Windows 10 é que chegou acompañado cunha acción orientada a dar a coñecer a actualización aos usuarios de Windows dun xeito masivo, xa que a partires de hoxe moitos usuarios están a recibir no seu ordenador unha alerta que infórmaos da posibilidade de reservar a actualización a Windows 10 para o seu equipo, proceso que de completarse activará a descarga automática da actualización de Windows 10 cando estea dispoñible, de xeito que o software descargarase cando estea dispoñible, deixando ao usuario decidir cando instala logo a actualización.

PUBLICIDADE