Wired publica unha listaxe cos éxitos e os fracasos da Web 2.0

mércores, 4 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

No mundo Internet 2.0 (esa orde actual de cousas virtuais na que o internauta participa activamente) hai xa, segundo a revista Wired, iniciativas triunfadoras e iniciativas caídas en desgraza (ou nadas dende o principio con mal pe). Co fin de dar a coñecer a súa perspectiva particular do estado de cousas, os seus redactores veñen de publicar unha listaxe de acertos e erros, dianas e rotundos gatillazos, gran e palla, coroas de loureiro e calzóns de estrugas.
Entre os primeiros, os que Wired considera os greatest hits da tempada, estan os seguintes (aviso: cómpre ler con espírito crítico):

SUBEN…

· Flickr. Para Wired, o mellor sitio de categorización semántica da Rede. A revista valora moi positivamente o seu serio compromiso cara a consecución dunha rede social e a súa aposta por Creative Commons. Flickr, que naceu no momento en que nun patio de colexio os nenos intercambiaban estampas, cromos ou fotografías, é un fenómeno social. Cada mes, incrementa a súa porcentaxe de usuarios nun 30%. Este servizo foi desenvolvido por Ludicorp, empresa fundada en 2002, e logo foi mercado por Yahoo! A iniciativa baséase en compartir. Esta é a chave. Compartir fotos e impresións.
· Odeo. Pensar en Odeo é pensar en podcasting, ou sexa: en milleiros e máis milleiros de arquivos de son preparados para seren descargados polo usuario no intre en que este o desexe. En Odeo podemos subscribirnos ós autores de podcasts que prefiramos (os favoritos) e descarga-los arquivos, e penduralos e deixar que os outros se subscriban a nós. Tamén nos permite gravar dende os nosos móbiles.
· Writely. Procesador de textos web. Como coller o procesador de textos de Open Office e convertelo nunha aplicación de Internet a través do navegador e con interfaz ajax, etiquetas (tags) nos documentos e amplas posibilidades de compartir. Segundo Wired, é moi salientable o doada que resulta con Writely a xestión da rede de contactos. Este servizo web segue o ronsel de Gmail e de Flickr, levando ó eido da escritura unha das grandes vantaxes destes, que é o seu potencial como aplicación de escritorio.
· del.icio.us. Servizo de xestión dos nosos favoritos e marcadores sociais en web. Podemos gardalos, organizalos e compartilos, de xeito que é posible saber cantos usuarios da Rede teñen unha determinada ligazón que nos interese nos seus marcadores. Wired valora a súa sinxeleza e tamén a súa flexibilidade. Del.icio.us foi creado en 2003 e máis tarde, en 2005, foi mercado por Yahoo!
· NetVibes. Un servizo relativamente recente (apareceu en setembro de 2005), fillo máis que recoñecible do seu tempo (do tempo da Web 2.0) e que vai dirixido a converterse na páxina de inicio de millóns de internautas en todo o mundo, segundo Wired. Grazas ó feito de telo así, como páxina de arranque, podemos organizar ó noso gusto as nosas webs e servizos máis visitados. Segundo di Consumer.es, estaríamos a falar dun control de mandos da nave internauta dende o que se nos informa da actualización dos blogs que máis nos gustan, ou da chegada de novas mensaxes. A xuízo de Nacho Palou, de Microsiervos, paga a pena probar NetVibes se usamos varios computadores, xa que o feito de ter estruturadas en liña as páxinas de emprego máis frecuente pode ser moi interesante se somos internautas que van de aquí para alá. Unha das vantaxes disto é que nos aforraría ter que carretar a memoria USB coa configuración dos seus navegadores.

E BAIXAN...

· MySpace
. Comezamos aquí a falar dos malos da película. Esta web, na que se publican perfiles persoais, bitácoras, sistemas de mensaxeiría instantánea e outros moitos servizos propios dunha comunidade virtual, acolle dende hai tempo (grazas á fidelidade dos seus usuarios) unha boa parte do pastel publicitario da Rede. Este pequeno gran detalle, a saturación de publicidade, semella que é un dos grandes motivos das críticas de Wired, sobre todo por ser “intrusiva”. A isto hai que engadir os fondos rechamantes de máis e as animacións pasadas de moda. MySpace.com sería para Wired como irse de vacacións co pitufo rosmón.
· Squidoo. Este servizo non é malo de por si. O problema, segundo os medios máis críticos (entre os que se inclúe Wired, por suposto) é o emprego que se lle dá. Squidoo, polo visto, estase a converter no estrado polo que levan anos devecendo tódolos seres humanos deste mundo que se consideran expertos en calquera cousa. Imaxinamos un sitio onde se ofrece un megáfono para especialistas en moitas materias e posibilidades de atopar audiencia: así é Squidoo, segundo analistas da Web 2.0 como os de Wired, unha gran máquina de fabricar tertulianos radiofónicos e televisivos. Cómpre sinalar que o servizo permite a creación de sitios onde os seus usuarios poden estenderse a gusto nos temas sobre os que teñen algún control, pudendo dividir o espazo en módulos de listaxes, de rss, de textos, de fotos ou de mapas. Por certo, hai algúns módulos onde até é posible sacar beneficio ecónomico, como por exemplo no de Amazon.
· Browzar. Non deixa de ser curioso que Wired incluíra a Browzar no paquete dos perdedores, cando se trata (ó noso xuízo) dun moi interesante servizo web que é –en liñas xerais- un navegador de balde que teoricamente garante a privacidade da nosa sesión por Internet. Dito doutro xeito: non grava cache, historia, cookies e non fai uso da función “auto completar”. Browzar, que é algo así como o amigo silandeiro e ben prudente que non nos xulga se visitamos porno, viría a ser un ataque directo contra todo ese costume dalgunhas empresas grandes de Internet de memorizar os pasos que imos dando pola Rede. Browzar está dispoñible para PC, Mac e Linux e pode descargarse en cuestión de segundos. Cal pode ser o problema ós ollos de Wired? Pois basicamente que non é ouro todo o que reloce, e que ó feito de que Browzar estea orientado de máis a traballar en Windows hai que engadir estoutro: non ten capacidade abonda para suprimir ó cen por cen o ronsel que se deixa logo dunha navegación.
· Fo.rtuito.us. Unha rede social que che permite coñecer outros internautas ó chou, sen que se interpoña no proceso ningunha afección, gusto común ou sistema mediador de calquera índole. A idea, segundo Wired, é moi interesante, poñendo perante a túa porta a un estraño ou estraña total seleccionado ó azar, pero o problema foi levala á práctica. Aí, no desenvolvemento do proxecto, é onde fallaron os seus creadores, que non foron quen de atraer xente abonda á comunidade virtual. Polo tanto, di Wired, o tráfico do sitio é nulo, e unha rede social que ninguén emprega carece de sentido.
· Friendster. Outra rede social en Internet, que constata o que até o de agora viña sendo unha suposición: nesta clasificación perden por goleada as comunidades de internautas. Friendster baséase na procura de amigos na Rede, e nun principio foi “o neno de ouro das redes sociais orixinais”, segundo apunta Wired. Logo foi medrando o proxecto, e non estaba mal que así fora, posto que se incrementaban as posibilidades de facer bos amigos. Até que o servizo entrou en colapso, con múltiples casos de cargas de páxina interrompidas.

PUBLICIDADE