Wizorb estrea versión para as consolas de Sony o vindeiro mércores

luns, 23 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Demostrando que os xogos tipo Arkanoid continúan a ser tan divertidos como sempre, o vindeiro mércores incorporarase á PlayStation Store por 2,99 euros o xogo descargable Wizorb que poderá xogarse tanto en PlayStation 3 como nas portátiles PSP e PS Vita. Este título non se limita a ser un rompe bloques, senón que tamén incorpora toques de RPG cuns gráficos pixelados para darlle un aire retro e contando cunha historia tópica (seremos un mago que axudará aos habitantes dunha vila a reconstruír os seus fogares asolados por monstros), loitas contra xefes finais e varios mundos por explorar.
Wizorb consiste en destruír bloques para o que deberemos empregar unha variña máxica para facer rebotar unha pelota e lanzar feitizos máxicos a través de máis de 60 niveis repartidos en 5 mundos diferentes, contando tamén con finais distintos e niveis extra, garantindo moitas horas de xogo.
O xogo tamén está dispoñible en versións para PC, Mac OS X e Linux por 2,55 euros.


Vídeo promocional da chegada de Wizorb á PlayStation Store

PUBLICIDADE