Wonder Boy III estrea remake

martes, 18 de abril do 2017 Marcus Fernández

Nos anos 80 Westone Bit Entertainment desenvolveu para SEGA a serie de xogos de Wonder Boy, conseguindo grande éxito en salóns recreativos e consolas domésticas, e agora DotEmu recupera a franquía con Wonder Boy: The Dragon’s Trap, unha recreación do terceiro xogo da saga, lanzado en 1989 para SEGA Master System (que chegaría tamén a Game Gear e Turbografx) que preséntase mellorado con animacións debuxadas a man e unha paisaxe sonora reosquestrada.
O xogo colócanos no rol dun heroe convertido en monstro medio humano e medio lagarto pola maldición do Mekadragón, da que procura a cura, para o que precisa da Cruza da Píntega, un obxecto máxico que pode eliminar meigallos. Haberá que percorrer enormes lugares e derrotar a monstros e dragóns, o que fai que a maldición empeore, transformando ao protagonista, Hu-Man, en distintos animais (lagarto, rato, piraña, león e falcón).
O xogo conta con 3 niveis de dificultade e permite mudar entre a súa aparencia moderna e a clásica de 8 bits en calquera momento, de xeito que os nostálxicos poderán revivir con fidelidade o xogo orixinal, mentres que o resto de usuarios terán fronte a si un título cun coidado aspecto visual. Como curiosa novidade, tamén será posible mudar a forma do protagonista, Hu-Man, en Hu-Girl, de xeito que así poderiamos transformar o xogo en Wonder Girl.
O xogo está xa á venda para PlayStation 4, Xbox One e Nintendo Switch a un prezo de 19,99 euros, e está previsto que chegue a PC no mes de xuño.

Ao derrotar aos inimigos a maldición que afecta a Hu-Man convérteo en distintos animais
No xogo haberá que derrotar a dragóns moi curiosos, con aparencia de pirata, morto vivente, momia ou samurai.

Tráiler de lanzamento de Wonder Boy: The Dragon’s Trap

Vídeo no que podemos comparar os gráficos do xogo orixinal co seu remake

PUBLICIDADE