Wuaki.tv cumpre o seu primeiro ano de vida deixando atrás a liña dos 100.000 usuarios

xoves, 15 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Wuaki.tv, plataforma-videoclub da que xa temos falado na nosa web con motivo do seu xurdimento e da súa aposta polos prezos que non deixen ao persoal coa economía do lecer maltreita, celebrou este martes unha festa dupla: o seu primeiro aniversario e máis os seus primeiros 100.000 usuarios. Para os responsábeis de Wuaki.tv, videoclub en liña directamente integrado nos televisores achegando unha completa escolma de filmes e series de estrea que poden ser reproducidas en versión orixinal e alta definición, estamos ante unha boa nova que ten, ao mesmo tempo, o duplo valor de darse nun contexto de crise, por unha banda, e de dura competitividade de mercado pola outra.
A todo isto hai que engadir os acordos asinados recentemente con fabricantes de televisores intelixentes como por exemplo LG, Philips, Samsung e Panasonic, acordos que se dirixen a facilitar o acceso do usuario ao sistema e, en definitiva, a universalizalo o máis posíbel. A intención da empresa Wuaki é conseguir que os seus recursos estean ao alcance de todas e todos antes de que remate este ano.
Como novidade a engadir de cara aos novos usuarios, dicir que nestes intres aínda está en activo na páxina de Wuaki no Facebook a promoción Acerta e gaña, que consiste en participarmos nunha enquisa sobre cinema co obxectivo de optar no sorteo dun televisor Samsung Smart TV de 32 polgadas.
O servizo Wuaki.tv é froito de máis de dous anos de negociación coas majors e distribuidoras locais de todo o mundo, e partiu hai un ano cun catálogo inicial de máis de 1000 películas e series, das cales, o 30 por cento son de produción española.
Os prezos das pezas oscilan entre os 3 e os 5 euros para as estreas e ata de balde no caso dalgúns clásicos, que de optar polo aluguer, o usuario ten dereito a ver o contido tantas veces como desexe durante 48 horas.
Algúns dos filmes que xa se poden ver de balde, por cortesía de BBVA, son Cuatro vidas, El viento se llevó lo que, Batalla en Seattle, El último testigo ou a máis recente, Historias de Manhattan, unha comedia romántica baseada en dous relatos da escritora norteamericana Melissa Bank.
A Wuaki.tv pódese acceder xa a través dun ordenador con conexión a Internet ou mesmo dende os últimos televisores das firmas Samsung e LG, así como dende Smarty, unha caixa deste último fabricante que permite navegar por Internet dende as teles máis antigas.
No seu equipo, esta firma de 20 empregados chamada a cambiar o panorama audiovisual actual, conta con dous grandes da industria audiovisual española: José Montelón, antigo responsable da unidade de negocio dixital de Filmax, como director de contidos, e Gorka Angulo, de Sony Pictures, o director de marketing da empresa.

PUBLICIDADE