XCOM 2 terá versión para consolas en setembro

martes, 7 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Tras o éxito de XCOM: Enemy Unknown nas súas numerosas versións Firaxis decidiu recuperar a franquía cunha secuela que chegou a PC o pasado mes de febreiro, e o feito de que os subscritores Gold de Xbox LIVE vaian recibir durante a segunda quincena do presente mes a versión de Xbox 360 (retrocompatible co Xbox One) de XCOM: Enemy Unknown daba a entender que o lanzamento de XCOM 2 para as consolas de nova xeración sería inminente, e finalmente confírmase que chegará a Xbox One e PlayStation 4 o vindeiro 6 de setembro, correndo o estudio The Workshop coa responsabilidade de portar o xogo de PC a consolas.
En XCOM 2 tomaremos o rol dun comandante dun grupo de resistencia dedicado a recuperar a Terra das poutas dos invasores alieníxenas, o que supón un grande cambio con respecto á entrega anterior, xa que en vez de ter que rexeitar unha invasión, partimos dunha posición de inferioridade, de xeito que o reto que se propón é todo un desafío. O xogo tamén conta con novas mecánicas e novos mapas de procedementos, conseguindo que cada misión sexa toda unha proba de superación.
Nos últimos meses a versión para PC deste xogo foi madurando e ampliando os seus contidos, de xeito que confíase en que a versión de consolas sexa un produto moi pulido que permita que os seareiros desta franquía poidan volver gozar dunha emblemática proposta de estratexia que vén dando guerra dende 1994 co clásico UFO: Enemy Unknown.

Vídeo de presentación da versión para consola de XCOM 2

PUBLICIDADE