XCOM Enemy Unknown estrea versión para Android

xoves, 24 de abril do 2014 Marcus Fernández

A unha distancia temporal máis que considerable do lanzamento da versión para iOS, o xogo XCOM: Enemy Unknown de 2K e Firaxis Games chega finalmente a Android, estando xa dispoñible en Google Play a un prezo de 8,76 euros, de xeito que este título de grande éxito en ordenadores persoais pode xa gozarse en numerosos smartphones e tablets cuns controis especialmente adaptados a pantallas táctiles para permitir que a experiencia de xogo sexa satisfactoria.
O xogo colócanos dentro dunha organización paramilitar de elite chamada XCOM, que será a responsable de investigar tecnoloxías extraterrestres, planear misións de combates e levar a soldados a duras batallas para frear unha invasión alieníxena. Para poder cumprir cos obxectivos fixados haberá que recrutar e ascender soldados e descubrir novas armas e tecnoloxía, para logo levar todos estes logros ao campo de batalla, onde haberá que desenvolver estratexias que permitan á humanidade prevalecer.
A versión actual do xogo ofrece o seu modo campaña, agardándose que en actualizacións futuras intégrese o modo multi-xogador.


Trailer de lanzamento da versión para iOS do xogo

PUBLICIDADE