XGN Intermax 2024 supera os 800 inscritos

xoves, 31 de outubro do 2024 Redacción

Este venres arrinca XGN Intermax 2024 na Feira Internacional de Galicia ABANCA, Silleda (Pontevedra) na súa 24ª edición, que ocupará os dous pavillóns principais do recinto feiral, de 10.000 metros cadrados cada un. A cita conta con máis de 800 inscritos na Intranet do evento, que gozarán e compartirán os seus intereses sobre as TIC e lecer electrónico con outros afeccionados e profesionais, ademais de formarse e tamén competir en diversas áreas.
As persoas rexistradas na LAN party disporán dun posto para o seu equipo informático con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén dun amplo programa de propostas e torneos exclusivos. E todos eles terán a posibilidade de navegar, grazas a Intermax Technology, a unha velocidade de até 40 Gbps, o que supón o dobre que na pasada edición.
Formación e entretemento conxugaranse tanto nesta área Intranet como na zona aberta da LAN party, denominada Extranet, a cal contará durante os dous primeiros días, 1 e 2 de novembro, cun interesante programa ao que poderán acceder de balde os inscritos e tamén os visitantes que se acheguen ao recinto.

Completo programa de actividades

XGN Intermax sumará na Intranet e a Extranet máis de 50 actividades con gran atractivo, entre as que haberá algunhas xa coñecidas polos asistentes e tamén novidades, como demanda un evento centrado nun ámbito no que a evolución e a innovación é constante.
En canto ás actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, a Intranet da XGN Intermax incluirá competicións de arte dixital, centradas en curtametraxe, gráficos 3D, ilustración e música dixital, concurso de dobraxes e fotografía, retoque fotográfico, fast compos e anime music vídeo. Ademais, en hardware contará con diversas actividades, entre elas modificación e personalización de equipos ou a granxa de impresoras 3D, mentres que no apartado de software libre, incluirá propostas como o AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo.
Así mesmo, organizaranse torneos de ata catorce videoxogos. Entre eles haberá oito con premios para os gañadores, que incluirán League of Legends, Counter-Strike 2, Valorant, Rocket League, FC24, Tekken 8, Super Smash Bros Ultimate e Mario Kart 8: Deluxe. As restantes competicións serán de Overwatch, Ultra Star, Sims, Lethal Company, Dragon Ball: Sparking! Zero e Clash Royale. A todo iso sumaranse xogos tan divertidos como o trivial de cinema.
A Extranet estará aberta durante os dous primeiros días da party, 1 e 2 de novembro, e incluirá interesantes conferencias e obradoiros, varios dos cales se levarán a cabo por primeira vez. Os seus títulos son tan interesantes como Monta e leva o teu propio dummy, Introdución a Arduino con ChatGPT, Introdución a Microbit, Refrixeración líquida para computadores, Iniciación á impresión 3D ou, centrados en cosplay, os obradoiros Crea a túa propia máscara da praga e Crea o teu propio sombreiro de bruxa.
Ademais, haberá áreas de videoconsolas, de visores de realidade virtual ou de simuladores de videoxogos, ademais de futbolín, tenis de mesa, xadrez ou pistas deportivas.
Unha programación que dotará de gran atractivo a esta 24ª edición, que estrea patrocinador coa compañía tecnolóxica galega Intermax Technology, e conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, a cal é impulsora da LAN party.