XGN celebrará en Silleda a súa 24ª edición
venres, 6 de setembro do 2024
A Feira Internacional de Galicia ABANCA volverá acoller unha nova edición da LAN Party galega de referencia entre os días 1 e 3 de novembro, salientado o feito de que muda o seu nome de XGN R Encounter a XGN Intermax.
O evento que terá lugar en Silleda contará de novo coas súas tradicionais intranet (con actividades para os participantes inscritos, que acudirán cos seus equipos informáticos para conectalos en rede) e extranet (zona aberta tamén a visitantes con distintas actividades de lecer), ocupando cada espazo preto de 10 mil metros cadrados.
Nesta edición número 24, o encontro informático apoiado pola Xunta de Galicia contará tamén con distintas actividades formativas e lúdicas, mantendo a súa vocación de consolidación como unha das LAN parties máis importantes do Estado, que nesta ocasión contará cunha conexión á Internet de 40 Gbps.
- Imaxe da anterior edición do encontro informático