Xa é posible contratar Internet por satélite no rural por 35 euros/mes
luns, 19 de xuño do 2023
Hai uns meses, no
marco do programa UNICO Demanda Rural, aprobouse unha convocatoria de axudas
para garantir o acceso de banda larga de 100 Mbps a un prezo de 35 euros/mes
para o usuario final valéndose das conexións por satélite de Hispasat, e xa temos dispoñible a páxina web na que detallan
o funcionamento deste tipo de conexión á Rede que contrátase a través de
operadores minoristas.
Esta solución de Internet por satélite promete unha instalación doada, boa velocidade
de descarga e dispoñibilidade en practicamente a totalidade do territorio
español, poñendo espacial detalle no contorno rural. As conexións terán unha
velocidade mínima de 100 Mbps de baixada e 5 Mbps de subida durante este ano,
prevéndose que ambas velocidades sexan de 200 Mbps e 10 Mbps a partir de
xaneiro de 2024, aínda que como grande carencia teñen unha latencia media
máxima de 690 milisegundos.
Os operadores minoristas pagarán como máximo 16,68 euros/mes (impostos non
incluídos) a Hispasat, mentres que o usuario final pagará como moito 35 euros/mes,
contando tamén o usuario final unha subvención pola alta de até 600 euros (o
que normalmente suporá que sexa de balde para o consumidor).
O servizo conta cun limite de datos mensual de 150 GB/mes, que unha vez
superados non suporá a supresión do servizo, senón unha redución da prioridade
no acceso aos recursos de rede (polo que nos momentos de maior demanda suporía
unha redución da velocidade).
- Un mapa permite consultar se estamos nunha zona na que podemos beneficiarnos do programa UNICO Demanda Rural
Este novo servizo subministrado por Hispasat comezou a operar o pasado día 12 e
manterase até o 31 de decembro de 2027 coas condicións establecidas.
Para contratar o servizo hai que estar nalgunha das zonas
elixibles dentro do plan UNICO Demanda Rural que pode consultarse nun mapa en
liña, aínda que se algún usuario detecta que na súa vivenda non pode contratar
ningunha outra conexión de acceso a máis de 50 Mbps pode comunicalo para que
poidan incluílo no programa.
En Galicia achegan este servizo as compañías Bluetel, Direct Telecom, Eurona, Gesico,
Movistar Syntelix e Rede Aberta (Vento Rede, S.L.U.), tendo estas dúas últimas
sedes en Vigo e Santiago de Compostela respectivamente.