Xbox 360 lanza unha web sobre os verdadeiros valores do fútbol

venres, 13 de xuño do 2008 Raquel Noya

Agora que o fútbol está máis de moda ca nunca e nos ten varias horas ó día pegados cos fociños á pantalla da televisión por mor da celebración da Eurocopa 2008 (na que España disque vai pasar de cuartos), a plataforma Xbox 360 está a propoñer as seguintes preguntas: participamos realmente no “gran espectáculo” do fútbol?, limitámonos a observar sen ter parte activa nel?, sabemos o que “realmente” se sente ó non ter máis enerxías para correr, ó fallar un penalti ou ó cargar con todo o peso “da nación” (que esaxerados) nos nosos ombreiros? A resposta universal para todas elas sería, seguramente, un “non” rotundo, malia que aos verdadeiros amantes do deporte rei non estean de acordo e aseguren sentirse membros (tamén) do equipo que comparte as súas ledicias e decepcións en todo momento.
Precisamente, coa arela de permitir que estas persoas poidan compartir as impresións, paixóns, opinións, alegrías e decepcións que lles transmiten os seus equipos favoritos, vén de arrincar a campaña A Gran Mentira de Xbox 360 na que os “amantes” do fútbol poden participar activamente e ser escoitados polo resto dos membros da comunidade.
A través de vídeos, blogs e outras ferramentas da web 2.0 como Twitter, os internautas poden demostrar a súa implicación “real” no fútbol así como amosarlle ao mundo que “gozar deste deporte a través dunha vídeo consola non é tan virtual como a xente pode pensar nun primeiro intre”.
Ao longo das vindeiras semanas, esta web será o “catalizador” para todos aqueles fans deste deporte que teñan unha opinión, un vídeo, unha foto, unha brincadeira ou unha reflexión para compartir e que queiran gañar unha das tres Xbox 360 que se sortean por participar no concurso activo; este último consiste en superar un determinado número de retos cos xogos FIFA 08, FIFA Street 3 ou Pro Evolution Soccer 2008.

PUBLICIDADE