Xercode leva o seu sistema XeBook ás Universidades de León, Valladolid, Burgos e Salamanca
xoves, 20 de marzo do 2014
A empresa galega Xercode,
especializada en desenvolvemento e servizos de integración de
programas abertos, vén de informarnos dun novo traballo de seu
levado a cabo en institucións académicas estatais, traballo que
engadir ao
recentemente realizado para a Universidade Pontificia de Salamanca
(onde Xercode levou as rendas dun proceso de migración en materia de
xestión bibliotecara cara ao sistema aberto Koha). Pois ben, no seu
novo proxecto, a empresa galega facilitou
un proceso análogo de adaptación a software libre nas Universidades
de León, Valladolid, Burgos e Salamanca. Do que se tratou foi de
integrar nestas institucións a plataforma XeBook,
recurso desenvolvido por Xercode que permite a bibliotecas e
editoriais abordar o préstamo de libros electrónicos.
Os traballos leváronse a
cabo a través da plataforma BUCLE (Consorcio de Bibliotecas
Universitarias de Castela e León), que puxo en marcha o servizo de
préstano de ebooks en todas as súas bibliotecas
universitarias, primeiro en Salamanca e agora en Burgos, León e
Valladolid. Segundo informa Xercode, o paso dado por estas
universidades realízase a través de XeBook, “un claro éxito nas
bibliotecas de Estados Unidos que pouco a pouco vaise introducindo en
España”. Por certo que a iniciativa estréase cunha escolma de
libros electrónicos de Anaya e das propias universidades, á que se
irán engadindo coleccións diversas de carácter científico e
investigador.
Como dixemos, XeBook é
unha plataforma tecnolóxica, desenvolvida pola empresa Xercode, que
permite a bibliotecas e editoriais abordar o préstamo de libros
electrónicos. “A través da tecnoloxía de XeBook”, informa a
empresa, “as bibliotecas poden incorporar de maneira simple e
centralizada o novo fluxo dixital, desde a adquisición e xestión
das coleccións dixitais até a incorporación ao catálogo e o
acceso aos contidos a través do servizo de préstamo”. A xuízo de
Xercode, a dita ferramenta tamén é unha canle editorial a ter en
conta, xa que ten potencial para ofrecer a editores e provedores de
contidos unha canle transparente e flexíbel “que xera o grao de
confianza preciso para o establecemento das relacións contractuais
que debe rexer o préstamo de contidos dixitais”.