Xiaomi entra no mercado dos televisores de alta gama

venres, 3 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Cada vez temos máis claro que, aínda que Xiaomi é unha marca que podemos asociar a smartphones de prezo moi axustado, cando falarmos doutros produtos non sempre é posible ter prezos tan agresivos e competitivos, como acontece no mercado dos televisores, no que a marca chinesa ten problemas para ter éxito fóra do seu territorio, no que veñen de anunciar o seu primeiro televisor de alta gama: o Mi TV Lux 65” OLED.
Este novo televisor de 65 polgadas, cun panel OLED 4K con velocidades de refresco de até 120 Hz (pensando no seu uso para videoxogos de consolas da vindeira xeración, para os que tamén conta cun modo de baixa latencia), con soporte de HDMI 2.1 e incluso cun son de calidade conseguido grazas a 9 unidades de altofalante que combinados achegan unha saída de 65 watts con soporte de Dolby Atmos.
O novo televisor impresiona coa calidade do seu panel, que ofrece unhas cores moi fieis e unha boa luminosidade, grazas a un panel OLED que permite gozar ao máximo de contidos HDR10+ Dolby Vision HDR, HDR10 e HLG; e tamén sorprende pola incorporación de NFC no seu mando a distancia, de xeito que con achegar un smartphone compatible pode proxectar a pantalla do teléfono no televisor.
Este televisor de marcos reducidos tamén conta con widgets de reloxo, predición meteorolóxica e outras informacións de interese por se o usuario quere utilizar a función de pantalla Always-On. O Mi TV Lux 65” OLED sae hoxe mesmo á venda a un prezo de 12.999 iuans (1.638 euros), cantidade que sería difícil de imaxinar que alguén fose pagar por un produto dunha marca tan asociada ao baixo custo, pero que cada vez atrévese máis a lanzar produtos de alta gama.

PUBLICIDADE