Xiaomi podería entrar no mercado dos ordenadores mini

luns, 5 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Aparte de smartphones, tabletas e ordenadores portátiles, Xiaomi parece querer entrar no mercado dos ordenadores de sobremesa cun equipo de formato reducido, na liña dun Mac mini ou dun Intel NUC, pero cunha configuración bastante interesante, que consistiría nun procesador AMD Ryzen 7 6800H cunha gráfica Radeon 680M, 16 GB de RAM e 512 GB de SSD, polo que sería bastante potente para os usuarios domésticos e incluso sería dabondo para gozar de numerosos videoxogos, e todo contendo o seu prezo en 3999 iuans (546 euros).
Esperábase que este equipo, coñecido como Xiaomi Host Mini PC, se anunciase estes días, pero non tería sido así porque Xiaomi adiou as súas actividades públicas como acto de loito ante o pasamento de Jiang Zemin, quen presidira China entre 1993 e 2003.
A configuración deste equipo sería a propia de ordenadores portátiles gaming de entrada, polo que cheguen como equipos de sobremesa mini pode ser unha opción moi atractiva para moitos usuarios que queren prefiren gozar dunha pantalla de grande tamaño ou, simplemente, non pretenden usar o seu equipo en mobilidade, de aí que este produto poida ter bastante mercado de comercializarse fóra de China.

PUBLICIDADE