Xiaomi presenta o Mi Drone

mércores, 25 de maio do 2016 Marcus Fernández

Aínda que hai tempo que se considera que o sector da fabricación de drons está liderada por fabricantes asiáticos como DJI, estas compañías teñen que continuar a innovar, xa que o resto de fabricantes conseguen tomarlles o pulso moi rápido, e dentro das empresas que entran agora na competición está Xiaomi, que vén de presentar o seu Mi Drone, que sen incorporar grandes novidades consegue reducir o prezo de entrada dentro dos drons de gama media, chegando incluso a pórllo difícil á anterior xeración de drons de DJI.
O Mi Dron será un cuadricóptero equipado cunha cámara Full HD ou UHD (baseada nun sensor Sony de 12 Mpíxeles) con un angular de 104 graos e un gimbal de 3 eixes, que co seu reducido peso e grande batería (cunha capacidade de 5.100 mAh) consegue unha autonomía de até 27 minutos de voo (contando cun sistema de detección de batería baixa para que retorne cando está a piques de quedar sen carga).
Este dron pode controlarse a distancia (até a 3 quilómetros de distancia, prometendo ser quen e achegar previsualización de vídeo en tempo real a 720p a 2 quilómetros de distancia), contando tamén con opcións de piloto automático (movéndose por unha ruta definida, indo a un lugar marcado no mapa ou rodeando a un obxecto en terra), empregando para o seu posicionamento unha combinación de GPS, GLONASS e visión, e contando cun deseño modular que facilita o seu gardado e transporte.
O máis rechamante deste produto que semella moi ben acabo é que parte de 2.499 iuans (342 euros) para o modelo con cámara Full HD, mentres que con cámara UHD o prezo subiría até os 2.999 iuans (410 euros). Estamos ante o que podería considerarse como un xoguete caro (especialmente ante as limitacións de uso que teñen estes trebellos no espazo aéreo español), pero que non só ten como reclamo o seu prezo axustado, senón tamén as súas facilidades de uso e a calidade dos contidos rexistrados, polo que podería pór contra as cordas a outros fabricantes de produtos semellantes.

Vídeo de presentación do Mi Drone

PUBLICIDADE