Xiaomi presenta o seu stick con Android TV

xoves, 16 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Xiaomi presentou numerosos produtos que finalmente chegarán ao mercado europeo estes días, entre os que destaca especialmente o Mi TV Stick, un pequeno trebello con mando a distancia que permite gozar de Android TV en pantallas con entrada HDMI, integrando son Dolby, DTS, o Asistente de Google e a función de Chromecast, polo que pode considerarse como un produto ideal para os que queren gozar das funcións máis avanzadas dun Smart TV recente, pero sen ter que renovar o seu televisor.
O Mi TV Stick sería un competidor directo do Fire TV Stick de Amazon e dun rumoreado Chromecast que podería chegar ao mercado en breve; estando equipado cun procesador de 4 núcleos, 1 GB de RAM e 8 GB de almacenamento interno, onde poder instalar numerosas aplicacións entre as que non faltan Netflix ou Prime Video.
Estamos ante un produto que ofrece vídeo en Full HD, descoñecéndose polo momento se haberá versión 4K no futuro (como acontece co trebello de Amazon), e o seu prezo será de 39,99 euros, polo que semella unha opción moi atractiva para moitos. Verémolo nas tendas a partir do 25 de xullo.

PUBLICIDADE