Xiaomi presenta unha tecnoloxía de carga a distancia

venres, 29 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Xiaomi presentou hoxe unha nova tecnoloxía de carga, a Mi Air Charge, que permitirá que os usuarios poidan cargar os seus dispositivos a distancia sen precisar cables e sen contacto. Esta tecnoloxía de carga prometen que chegará aos 5 watts, ou sexa, que non ten carga rápida, pero claramente non a precisa, xa que esta tecnoloxía facilitaría a carga a todas horas e durante o uso, de xeito que os nosos trebellos electrónicos poderían contar sempre con carga para funcionar.
A Mi Air Charge está baseada nunha especie de pía cun tamaño semellante ao dunha mesa de dormitorio, que integra cinco antenas que poden detectar a localización do dispositivo a cargar (por exemplo, un smartphone) que recibirá a caga a través dunha matriz de control composta por 144 antenas que transmiten ondas o dispositivo mediante beamforming.
Xiaomi desenvolveu tamén a tecnoloxía que permita recibir este tipo de carga nun smartphone, para o que tería que integrar unha antena baliza e unha matriz de 14 antenas receptoras en miniatura, que converten o sinal recibido en enerxía eléctrica. Cada un dos dispositivos que empreguen esta tecnoloxía poderían cargar a 5 watts sen reducir a eficiencia de carga.
Deste xeito podería facerse realidade un salón totalmente libre de cables, xa que podería chegar a empregarse a tecnoloxía Mi Air Charge en altofalantes, lámpadas e outros dispositivos, o que suporía toda unha revolución, aínda que haberá que agardar bastantes meses a ver esta tecnoloxía nun produto de mercado.

Vídeo promocional da tecnoloxía Mi Air Charge

PUBLICIDADE