Xiaomi renova o seu smartphone para gamers

martes, 23 de outubro do 2018 Marcus Fernández

En abril Xiaomi sumábase á tendencia dos smartphones para gamers co seu novo Black Shark, un teléfono cun deseño moi agresivo e grandes prestacións apoiadas por un sistema de refrixeración que permita poder gozar durante horas de xogos na súa pantalla, pero non esperaron nin un ano para renovar este dispositivo, de xeito que agora sabemos como será o Black Shark Helo, que como principal novidade ten a posibilidade de adquirilo en configuracións con até 10 GB de memoria LPDDR4X e 256 de almacenamento (UFS 2.1).
Outros cambios a mencionar serían o paso dunha pantalla IPS a unha AMOLED con HDR de 6,01 polgadas, o desprazamento do lector de pegadas dixitais á parte traseira, a cámara dual traseira pasa dunha disposición horizontal a outra vertical, o seu sistema de refrixeración líquida inclúe agora dous tubos de termofisón bifásicos (que prometen reducir a temperatura até 12 graos) e o accesorio adicional que permitía engadir controis físicos a un lateral do teléfono evoluciona para poder incluír mandos a ambos lados do teléfono, lembrando á disposición da Nintendo Switch.
Continuamos a ter un potente teléfono cun procesador Qualcomm Snapdragon 845, cámaras traseiras de 12 e 20 Mpíxeles, cámara frontal de 20 Mpíxeles e unha xenerosa batería de 4.000 mAh. Tamén ten dobre altofalante frontal, Bluetooth 5.0
O Black Shark Helo sairá á venda o vindeiro día 30 en China, cun prezo de 3.199 iuans (402 euros) para o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, subindo até os 3.499 iuans (440 euros) na versión con 8 GB de RAM, mentres que o modelo con 10 GB de RAM e 256 GB de almacenamento chegaría até os 4.199 iuans (527 euros).

PUBLICIDADE