Xiaomi sae á caza dos consumidores que querían facerse cun Note7

martes, 25 de outubro do 2016 Marcus Fernández

O fabricante chinés Xiaomi parece ter atinado no momento para lanzar comercialmente o seu smartphone Mi Note 2, xa que chega cando se retira do mercado do Galaxy Note7, deixando a moitos usuarios á espera por un novo terminal de grande tamaño, demanda que este novo trebello quere responder cun dispositivo de alta gama e deseño moi coidado, que moitos poderían chegar a confundir co produto de Samsung, xa que tamén conta con pantalla curvada a ambos lados, e que comercializarase en cor negra e prata.
Este novo smartphone presume da súa pantalla OLED curva de 5,7 polgadas de elevado contraste e grande rango de cor, pero tamén vén moi cargado tecnicamente, cun procesador Qualcomm Snapdragon 821, 6 GB de RAM (LPDDR4), 128 GB de almacenamento interno (USF 2.0) e batería de 4.070 mAh con Quick Charge 3.0, características de auténtico luxo ás que suman un procesador de audio de alta definición, un GPS máis preciso e, moi especialmente, soporte completo de NFC, de xeito que este móbil sería compatible cos sistemas de pagamento móbil que están a imporse no mercado e aos que o mercado chinés parecía alleo. De feito, a incorporación do NFC non é o único toque internacional do Mi Note 2, senón que tamén destaca por incluír todas as bandas internacionais de LTE, de xeito que funcionaría coas redes 4G de todas as compañías do mundo, o que é unha magnífica nova para os usuarios que teñan pensado facerse con este dispositivo de importación ou pretendan empregalo de viaxe.
A cámara deste móbil tamén apunta alto, cun sensor de 22,56 Mpíxeles e gravación de vídeo en ultra alta definición con estabilización electrónica; mentres que a cámara frontal queda nuns máis que xenerosos 8 Mpíxeles aos que suma enfoque automático e efecto beleza 3.0 para optimizar os selfies.
Este atractivo smartphone chega en tres versións distintas, sendo a que vimos de comentar (considerado o internacional) a máis elevada, cun prezo de 3.499 iuans (474,34 euros), mentres que a versión para o mercado interno chinés custaría 3.299 iuans (447,23 euros) e a versión con só 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno custaría uns máis asumibles 2.799 iuans (379,45 euros).

O novo teléfono véndese en cor negra e prata

PUBLICIDADE