Xiaomi sorprende presentando un can robot

martes, 10 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Durante os últimos anos os robots cuadrúpedes de Boston Dynamics fixéronse virais a través de diferentes vídeos, conseguindo unha popularidade que non se corresponde en absoluto con éxito comercial, de aí que sorprenda que Xiaomi vaia competir con eles con CyberDog, un acompañante cuadrúpede robótico de código aberto dirixido aos entusiastas da robótica.
Esta especie de can robot é capaz de moverse até a 3,2 metros por segundo e realiza accións bastante complexas, para o que válese de numerosos servo motores e da plataforma Jetson Xavier NX de nVIDIA (que integra 384 núcleos CUDA, 48 núcleos Tensor, 6 procesadores ARM Carmel e 2 motores de aceleración para deep learning).
Para poder relacionarse co seu contorno, o CyberDog conta con 11 sensores de alta precisión, o que inclúe sensores táctiles, sensores ultrasónicos, cámaras, módulos de GPS... para que así este robot poida percibir e analizar onde está, para poder interactuar co seu redor.
O CyberDog conta con varios sensores de cámaras baseados nas tecnoloxías de imaxe que Xiaomi desenvolveu para móbiles nos últimos anos, acompañados por un módulo Intel RealSense D450 (para un bo recoñecemento da profundidade).
Para que este robot teña un comportamento análogo a unha mascota, o usuarios pode controlalo mediante ordes de voz, aínda que tamén contará cunha aplicación para móbiles para contar con opcións máis completas.
Tamén conta con 3 portos USB e un porto HDMI que buscan servir para que os desenvolvedores poidan crear engadidos que amplíen as posibilidades deste robot que confía en poder disparar o seu potencial grazas á súa aposta polo código aberto.
Está previsto que poñan á venda un milleiro de unidades a un prezo de 9.999 iuans (1.316 euros), ou sexa, unha cantidade próxima á fianza que hai que depositar para facerse cuns dos cans robot de Boston Dynamics (que custan 74.500 dólares).

O CyberDog é un cuadrúpede con grandes posibilidades que venderá Xiaomi a un prezo bastante axustado

PUBLICIDADE