Xiaomi venderá unha camiseta con monitorización cardíaca

luns, 17 de xuño do 2019 Marcus Fernández

A plataforma de micromecenado de Xiaomi en China, Youpin, está a ser o promotor de produtos moi interesantes entre os que está a chamar a atención unha camiseta conectada da marca Zenph, que busca axudar a manter unha postura correcta e controlar a frecuencia cardíaca durante as sesións de adestramento.
Esta camiseta integra nas costas un sistema intelixente pasivo SensElast 3D que mellora a nosa posición ao correr ou montar en bicicleta e tamén conta cun chip situado no centro do peito que conta con función de electrocardiograma e conectividade Bluetooth 4.2, de xeito que a través dunha aplicación móbil poderemos coñecer o ritmo cardíaco, a capacidade pulmonar e a distancia percorrida.
A súa batería ten unha autonomía de até 20 horas de uso continuado e pode recargarse mediante microUSB.
A camiseta está deseñada para unha boa transpiración, á vez que evita que o corpo se arrefríe durante as pequenas pausas. Chegará ao mercado chinés o vindeiro 20 de xullo e o seu prezo será de só 199 iuans (25,58 euros) en talles que van dende o S até o XXL.

A camiseta integra un monitor cardíaco no peito
Os datos recollidos pola camiseta poden consultarse dende o móbil

PUBLICIDADE