Xorde unha empresa galega especializada en tecnoloxía RFID (a substituta do código de barras)

venres, 26 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

O código de barras está en crise, vivindo o que se podería chamar a súa recta final. Acabouse o ter que facer adiviñanzas na fileira do supermercado sobre cal será o artigo que se lle atravese á caixeira e non ceibe perante o lector o que leva nas entrañas do código? Posiblemente. E é probable que no caso de existir unha tecnoloxía que é quen de substituír as clásicas liñas impresas nas mercadorías, sexa a RFID, a identificación por radiofrecuencia. Dende logo, así se van dar as cousas para a empresa Rfidelia, unha firma galega con base no Porriño que “nace” coa seguinte novidade: está especializada nos moitos empregos que se lle pode dar á tecnoloxía RFID na vida comercial. Para esta firma, froito dunha alianza estratéxica entre as iniciativas galegas Grupo Desarrollanet e Quobis Networks, a identificación por radiofrecuencia “é unha das novas tecnoloxías máis prometedoras no mundo da empresa, ofrecendo grandes beneficios sobre o código de barras tradicional, sobre todo nos diferentes elos da cadea produtiva: a fabricación, a trazabilidade, o almacenamento e a distribución.
O gran obxectivo desta unión de forzas entre Quobis e Desarrollanet é levar os sistemas RFID a tódolos recunchos de Galiza, sendo tódolos sectores produtivos da nosa terra susceptibles de beneficiarse dela, dende a automoción até o téxtil, pasando pola pesca ou a industria mineira. En realidade, esta tecnoloxía pode empregarse até no máis inimaxinable: por exemplo, algunhas empresas dos países máis avanzados no tecnolóxico estanlles a propoñer implantes humanos a outras empresas co fin de usalos nas tarefas de acceso a información reservada ou para entrar nun edificio onde se teñan que dar normas ben estritas de control. Estes e outros sistemas RFID consisten basicamente nunhas etiquetas miúdas e que se poden adherir a calquera produto ou mesmo ós animais e ás persoas. Carrexan antenas, polo que emiten un sinal e mesmo o reciben. O beneficio de todo isto é que se pode levar a cabo un control exhaustivo de calquera cousa que queiramos controlar: onde está, como se atopa, etc.

PUBLICIDADE