Yarvik estrea smartphones con dobre SIM e Android 4.0.4

mércores, 30 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

O fabricante holandés Yarvik, coñecido no mercado español principalmente por tablet e lectores de libros electrónicos, atrévese agora cunha liña de smartphones chamada Ingenia, coa que busca estar a altura doutros fabricantes de electrónica de consumo recoñecidos, cun par de terminais elegantes e robustos. O SMP53-210 Ingenia X1 vén cunha pantalla IPS de 5,3 polgadas, mentres que o SMP45-210 Ingenia Synchro confórmase cunha pantalla IPS de 4,5 polgadas, compartindo ambos unha resolución de pantalla de 960 x 540 píxeles, procesador ARM Cortex de dobre núcleo a 1 GHz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno, Wi-Fi N, Bluetooth 2.1, cámara de 8 Mpíxeles e GPS. Tamén poden acceder á Rede a través de 3G a velocidades de ata 7,2 Mbps, funcionan con Android 4.0.4 e venderanse libres con espazo para 2 tarxetas SIM dende primeiros de febreiro.
Estes smartphones de Yarvik diferenciaríanse en que o modelo de menor tamaño ten un grosor de 68 milímetros, un peso de 155,8 gramos, pode ampliar o seu almacenamento interno mediante tarxetas de memoria de ata 64 Gb e unha batería de 2.100 mAh, mentres que o modelo de grande tamaño ten un grosor de 76 milímetros, un peso de 183 gramos, pode ampliar a súa memoria interna mediante tarxetas de ata 32 Gb e a súa batería é de 2.700 mAh.


Vídeo de presentación do Yarvik Ingenia X1

PUBLICIDADE