Yoloreparo consolida dende Vigo a fórmula dos usuarios reparadores dos seus propios dispositivos
mércores, 4 de febreiro do 2015
- Daniel Graña, xerente de Yoloreparo e fundador de SATVigo
A empresa viguesa SAT puxo
en marcha en Vigo un laboratorio pioneiro (segundo indican, “o
primeiro das súas características en Europa”) aberto
aos usuarios de dispositivos onde estes poden
amañar e poñer a punto os
trebellos de seu en poucos
minutos. Chámase Yoloreparo
e achéganos entre outras cousas uns boxes
de feitura futurista no número 219 da rúa Travesía. Preséntase
como un establecemento
accesíbel con todas
as ferramentas precisas para un correcto arranxo
e actualización técnica, manuais e un técnico especializado ao seu
dispor. Segundo apunta Daniel Graña, xerente de Yoloreparo e
fundador de SAT, outro dos puntos a ter en conta é que neste servizo
ofrécese a posibilidade dunha reparación a un custo
moi reducido. A clave está en facilitar que nos convertamos en
reparadores da nosa propia tecnoloxía. Isto non é unha utopía.
Para Graña, está claro que “hoxe en día calquera pode
cambiar unha pantalla, colocar un altofalante ou instalar unha
batería nova”. A proba disto: polo obradoiro xa pasa unha media de
15 clientes ao día, e a cifra vai medrando.
A maiores do devandito,
cómpre sinalar que grazas ao sistema de manuais actualizados de
Yoloreparo calquera cliente pode emendar os aparellos TIC de
terceiros, acadando así unha actividade emprendedora a un custo
mínimo e cun amplo mercado potencial.
-Por
que este que estamos a vivir é o momento axeitado para que os
usuarios de dispositivos móbiles nos animemos a pór a punto os
nosos aparellos? Dito doutro xeito: porque agora e non antes? En que
se diferencia a tecnoloxía móbil de hai uns anos da de agora?
-Os
motivos son principalmente dous. O primeiro é que cada vez a
arquitectura dos móbiles é mais sinxela. Hai dez anos entraban no
noso taller teléfonos como o Motorola Star Tac, Nokia 8210 ou o
popular Alcatel One Touch Easy e aparte de trocar pantallas, pois os
técnicos metíanse en reparacións moi delicadas de placa base,
cambiar chips, para o que moitas veces facía falla ter coñecementos
bastante avanzados de electrónica e ferramentas que non estaban ao
alcance de todo o mundo. Na actualidade o 80% das reparacións
consisten en trocar peza por peza, se falla a pantalla, a trócalas e
listo, igual ca a batería, as conexións, etc. O segundo motivo é
que cada vez a xente anímase máis a facer estas reparacións, ven
titorías en YouTube ou en webs e finalmente collen folgos para
meterlle man aos seus equipos.
-É
certo que calquera usuario cun mínimo de coñecemento tecnolóxico
está en disposición de reparar o seu móbil ou poñelo a punto? Que
pasa cos que non destacan precisamente pola súa habilidade para
arranxar cousas electrónicas?
-Tanto
nun caso coma noutro podes facelo, soamente tes que ser un pouco
atrevido. A verdade é que para trocar una pantalla, unha batería,
unha carcasa ou un conector non fai falla ter ningún
coñecemento de
electrónica, simplemente saber usar un desaparafusador e facelo con
coidado e seguindo os pasos.
-Como
se vos ocorreu a idea de poñer en práctica un laboratorio aberto
para os usuarios de móbiles?
-A
idea veu principalmente das estadísticas de entrada de equipos no
noso SAT. Notamos un incremento considerable de xente que tentaba
mudar una pantalla por outra e que sen querer remataban por romper o
cable flex, por exemplo. Doutra banda, moita xente que merca pezas na
nosa web fainos consultas de como inserilas e pensamos que facer un
laboratorio deste tipo podería ser moi beneficioso para ambas
partes.
-Tendes
algunha cifra sobre o uso que os vigueses lle están dando ao voso
"obradoiro"?
Pois tendo en conta que
temos unha media de 15 clientes diarios, iso serían uns 75 semanais
e polo tanto uns 300 mensuais. De todos os xeitos, non só son
clientes de Vigo, xa que hai xente que vén de todas as localidades
próximas como Nigrán, Porriño. Tui, Ponteareas, e mesmo de sitios
mais afastados como Ourense, Santiago de Compostela, Monforte de
Lemos, Cerceda...
-Faládenos
brevemente de como funciona a iniciativa Yoloreparo. Poñamos por
caso que teño un aparello coa pantalla rota e quero cambiarlla, que
podo facer no voso laboratorio?
-O
primeiro que terías que facer é entrar na web yoloreparo.com
ou satvigo.com para pedir cita.
Unha vez que veñas, accederías a un posto de traballo con todo o
equipamento preciso, no caso dunha pantalla os trebellos habituais
son os desaparafusadores, algunha espátula, pinzas... Se o cliente
ten coñecementos empezaría a facelo dende o intre en que entra nas
nosas dependencias, e se non é é así contaría co asesoramento do
noso técnico, que lle explicaría como artellar o traballo desde
cero. Na nosa web temos un amplo catalogo de titorías das que o
cliente pode axudarse ou, se o prefire, tamén ten un ordenador con
acceso a Internet no que consultar calquera dúbida que poida xurdir.
Normalmente, en media hora estaría lista a reparación ou a posta en
punto.