YotaPhone presentará a segunda xeración do seu smartphone con pantalla de tinta electrónica

luns, 17 de novembro do 2014 Marcus Fernández

A estas alturas do ano pasado a empresa rusa YotaPhone anunciaba que antes do Nadal ía comezar a vender internacionalmente o seu smartphone con dobre pantalla, que destacaba por empregar tecnoloxía de tinta electrónica nunha das mesmas, como un xeito revolucionario de minimizar o consumo do dispositivo e facilitar o seu uso en exteriores, e agora repiten a xogada e avanza que o 3 de decembro celebrará un evento privado en Londres no que amosará o novo YotaPhone 2.
Agárdase que o novo terminal goce dunhas prestacións técnicas moi superiores ao anterior, aínda que posiblemente o principal atractivo deste teléfono sexa a posibilidade de empregalo totalmente dende a súa pantalla de tinta electrónica, o que permite que para certos usos básicos o seu consumo sexa moi reducido, superando a principal eiva de moitos dos smartphones do mercado: a reducida autonomía provocado polo elevado consumo da súa pantalla.
De feito, dende YotaPhone tamén dan conta dun informe de Fixya sobre unha mostra de 30 millóns de usuarios e 8 millóns de produtos no que entre os principais problemas dos smartphones emblemáticos de cada marca está a súa autonomía, o que se acentúa especialmente no caso de terminais como o iPhone 5S ou o HTC One.

PUBLICIDADE