Youtubers galegos estarán presentes na segunda edición de BOOM! Film & Comic

venres, 8 de abril do 2016 Marcus Fernández

Tras o éxito da primeira edición de BOOM! Film & Comic en marzo de 2015, convocouse unha segunda edición deste festival da cultura popular para os días 13, 14 e 15 de maio, trasladando o encontro á Estación Marítima de Vigo e prometendo máis actividades para que os visitantes poidan participar. Este curioso evento mestura proxeccións de películas (Dragon Ball Z: La resurrección de Freezer), expositores comerciais, un concurso de cosplay, charlas e encontros con debuxantes e autores relacionados co mundo da banda deseñada e a ilustración, e incluso a participación de creadores de contido audiovisual en liña, como son a estudante de Comunicación Audiovisual Violeta Moon, que comparte variadas reflexións a través do vídeo; e o célebre booktuber Sebas G. Mouret, que congrega a máis de 150 mil subscritores ao redor da súa canle literaria en YouTube El Coleccionista de Mundos, e que incluso ousara a experimentar cunha canle de sociolingüística en galego.
Aínda que o programa de BOOM! Film & Comic aínda non está pechado, xa poden adquirirse os billetes para asistir ao encontro que nas vindeiras semanas continuará a anunciar os seus contidos, nos que é posible que tamén haxa unha sección destinada ao lecer electrónico como aconteceu na anterior edición.

JPEG - 57.6 KB
Sebas G. Mouret é un booktuber, ou sexa, un youtuber que aborda contidos literarios

ACTUALIZACIÓN: Pois parece que a suposición de que na vindeira edición de BOOM! Film & Comic imos ter videoxogos é máis que atinada, e como adianto temos que en colaboración coa Asociación Freak e Cex Vigo celebrarán no establecemento de Cex Vigo (na Avda. Camelias, 114) os BOOM! Days, onde se disputarán varios torneos de videoxogos, agasallándose entre os participantes 8 pases para poder acceder de balde ao festival da cultura pop.
O día 16 celebrarase o torneo de FIFA 14 (PS4), o día 17 de Street Fighter IV (Xbox One), o día 22 a Pokken Tournament (Wii U) e o día 23 a Mortal Kombat X (PS4).

JPEG - 206.5 KB
Imaxe promocional dos BOOM! Days

PUBLICIDADE