ZTE prepara un novo smartphone que potencia as súas cámaras e batería

luns, 21 de decembro do 2015 Marcus Fernández

ZTE continúa a apostar polos smartphones con pantallas de grande tamaño, e presenta así o AXON MAX, un terminal con pantalla Super AMOLED Full HD de 6 polgadas e carcasa metálica de coidado e elegante acabado que busca chamar a atención dos consumidores coa calidade do seu audio, a definición das súas cámaras (de 16 Mpíxeles a traseira e de 13 Mpíxeles a frontal) e unha xenerosa batería de 4.140 mAh con Quick Charge 2.0 (que permite completar o 60% da carga en só 30 minutos) e conector USB tipo C.
Este smartphone con conectividade 4G+ e Android 5.1 (coa capa de personalización MiFavor 3.5) agocha no seu interior un procesador Qualcomm Snapdragon 617, 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB).
Se miramos o dispositivo externamente podemos ver que conta cun lector de pegadas dixitais na parte traseira e que o seu grosor é de só 7,5 milímetros, polo que sería un teléfono á altura de moitos alta gama, cos que non parece querer competir en prezo de xeito agresivo, xa que venderase en breve a 2.799 iuans (395,42 euros).

PUBLICIDADE