Zenbo, o robot doméstico de Asus

luns, 30 de maio do 2016 Marcus Fernández

Aínda que os novos smartphones e os novos portátiles de Asus sexan produtos máis que notables, o que está a captar máis atención no Computex de Taipei parece ser o Zenbo, un pequeno robot doméstico que busca axudar, entreter e acompañar aos integrantes da familia, movéndose de xeito autónomo polo fogar e atendendo a ordes faladas, convertendo a interacción con ese pequeno trebello nunha experiencia sinxela e divertida.
Zenbo é un produto deseñado para un amplo abano de usuarios, de xeito que atende tanto a maiores como a pequenos, adaptándose ás súas necesidades. Así, a un ancián pode lembrarlle as citas médicas ou a toma da medicación, á vez que pode monitorizar o fogar para alertar aos familiares ante situacións de emerxencia (como caídas), á vez que tamén pode axudar a realizar videoconferencias, empregar redes sociais, realizar a compra ou ver contidos multimedia mediante ordes de voz. Para os cativos, en cambio, pode ser tanto unha ferramenta educativa como unha fonte de lecer, que incluso pode acompañalos á hora de durmir contándolles un conto.
Tamén podemos ver ao Zenbo como un elemento de interacción do fogar dixital, xa que podería controlar a iluminación, o televisor, o aire acondicionado... en función das ordes que lle deamos. E cando non haxa ninguén no fogar, tamén pode actuar como un gardián, xa que a súa cámara integrada pode comportarse como unha cámara de seguridade controlable a distancia a través dunha aplicación para smartphone.
Polo momento estamos ante un produto en desenvolvemento, que pode moverse, ver, falar, oír, reproducir música, conectarse cos nosos trebellos, adaptarse ás nosas preferencias... pero que espera desatar todo o seu potencial grazas ao traballo dos desenvolvedores que xa poden optar a facerse cun SDK para poder levar as súas ideas creativas á práctica con este trebello que podería chegar en poucos meses ao mercado a un prezo duns 599 dólares.

Vídeo no que detallan as posibilidades de Zenbo

PUBLICIDADE