Zombi é o xogo estrela de PlayStation Plus en abril

mércores, 30 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Pese a quedar moi lonxe en relevancia con respecto aos Games with Gold (que en abril colleron especial forza) os xogos que incluirá PlayStation Plus o mes que vén melloran lixeiramente, especialmente pola incorporación do xogo Zombi, un shooter de horror e supervivencia de Ubisoft que fora especialmente rechamante na súa plataforma orixinal, xa que foi un dos xogos estrela cos que se lanzou a Wii U, e que tras a mala acollida da consola de Nintendo deu o salto ao resto de consolas de última xeración. Este título de acción e terror supón unha mellora con respecto á versión de Wii U, pero aínda queda moi lonxe dos xogos aos que estamos afeitos na PS4, de aí que o seu prezo de venda sexa de só 19,99 euros.
Por desgraza, o resto de xogos que chegan o 5 de abril a PlayStation Plus son moito máis discretos, como o shooter espacial Dead Star, xogo de Armature Studio que estréase directamente en PS Plus, e que destaca por permitir batallas estelares de 10 contra 10 xogadores de PlayStation 4; os xogos de PlayStation 3 I Am Alive (título que conseguira unha boa aceptación en 2012, pola súa orixinal proposta de supervivencia nunha cidade post-apocalíptica) e Savage Moon; e os títulos para PS Vita A Virus Named Tom e Shutshimi (xogos que poden considerase completos descoñecidos, deixando claro que a portátil de Sony pode darse por amortizada).

Vídeo de presentación de Dead Star para PS4

PUBLICIDADE