Zonbu: unha solución económica para achegarse á Rede

martes, 8 de maio do 2007 Marcus Fernández

O acceso á Internet parece estar ligado irrenunciablemente ós ordenadores, que continúan a ser produtos demasiado caros para moita xente, polo que unha compañía norteamericana lanzará o vindeiro verán un ordenador de reducido tamaño a un prezo tamén moi reducido.
O Zonbu contará con 4 Gb de memoria flash integrada é custará 99 dólares ó contratar un servizo de 12,95 dólares/mes por un almacenamento externo de 25 Gb (que se pode incrementar ata os 100 Gb cun custo adicional). De tódolos xeitos tamén se poderá mercar sen o servizo de subscrición, aínda que a un prezo máis elevado (250 dólares).
O equipo integra o sistema operativo Gento e inclúe aplicacións de código aberto coma o navegador Firefox e o paquete ofimático OpenOffice, incorporando tamén aplicacións multimedia, de correo electrónico, etc.
O Zonbu tamén destaca por ser silencioso (non incorpora ventilador interno) aínda que tampouco inclúe de serie accesorios coma o teclado, o rato ou o monitor, o que non diminúe o interese por esta solución económica para acceder á Rede.

PUBLICIDADE