Zopo é o primeiro fabricante de smartphones en integrar o procesador de 8 núcleos de MediaTek

venres, 22 de novembro do 2013 Marcus Fernández

No mercado cada vez vemos máis smartphones de boas prestacións e prezo moi axustado, principalmente chegados de China, grazas en boa medida pola incorporación de procesadores de MediaTek, compañía que está a estrear estes días procesador de oito núcleos para dispositivos móbiles, o MT6592, construído con tecnoloxía de 28 nanómetros, capaz de chegar a velocidades de ata 2 GHz, optimizado para un reducido consumo e capaz de reproducir vídeo en ultra alta definición (4K), que sorprende por ser xa unha realidade, xa que está a integrarse nun móbil: o Zopo ZP998.
Aínda que Zopo non é un fabricante moi popular, é de agardar que o feito de que coloque no mercado o primeiro móbil co novo procesador de 8 núcleos de MediaTek pode contribuír a darlle visibilidade. O seu Zopo ZP998 é un produto moi interesante, que funciona co mencionado procesador MTK6592 de 8 núcleos a 1,7 GHz, conta cunha pantalla Full HD de 5,5 polgadas de alta sensibilidade, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), unha cámara traseira de 14 Mpíxeles con apertura f/2.0 e gravación de vídeo a 1.080p, cámara frontal de 5 Mpíxeles (ideal para videoconferencias e auto-fotos), tecnoloxía de redución de ruído, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, NFC e batería de 2.400 mAh. Este smartphone 3G funciona con dobre SIM, vén con Android 4.2 e o seu grosor é de só 9,1 milímetros, e pese a unhas características que sobre o papel son tan boas, o seu prezo estimado é de só 299,99 dólares (221,38 euros).

PUBLICIDADE