bq estrea un smartphone con Android 4.2, dobre SIM e pantalla de 5 polgadas
venres, 26 de xullo do 2013
O popular fabricante de tablets e lectores de libros
electrónicos bq continúa a introducir smartphones con Android no seu catálogo,
e tras a estrea dun primeiro bq Aquaris, que incluso chegou a venderse baixo a
marca FNAC, temos agora o atractivo bq Aquaris 5, que
chega ao mercado libre a un prezo de 199,90 euros (tanto a través da páxina web do seu
fabricante como en
establecementos como a FNAC ou Media
Markt) cunha pantalla IPS de 5 polgadas cunha resolución de 540 x 960
píxeles, un potente procesador Cortex A7 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de
RAM, 16 Gb de almacenamento interno e Android 4.2, que entre as súas vantaxes
destaca por soportar do uso de dúas tarxetas SIM.
Este novo móbil ten un grosor de 9,9 milímetros, pesa 170 gramos, conta cunha batería
de 2.200 mAh (que permitiríalle aguantar ata 10 horas de conversa, 8 horas de streaming ou 6 horas de navegación web)
e combina moitas outras prestacións (cámaras de 8 e 0,3 Mpíxeles, Wi-Fi N,
Bluetooth e GPS) que o converten nunha opción moi interesante para quen desexe
facerse dun terminal libre que inclúa só as aplicacións fundamentais e non veña
cargado cunha chea de ferramentas de pouco interese para o usuario que consumen
moitos dos recursos do terminal (como fan algúns fabricantes). A súa principal
carencia sería a reducida definición da súa pantalla de grande tamaño.
- O bq Aquaris 5 presume do tamaño da súa pantalla