nVIDIA estrea nova xeración de gráficas GeForce RTX
xoves, 3 de setembro do 2020
O
vindeiro día 17 chegará ao mercado a nova xeración de tarxetas gráficas de
nVIDIA, a
serie GeForce RTX 30, que correspóndense á segunda xeración de tarxetas
capaces de efectuar ray tracing e á terceira xeración en incorporar
núcleos Tensor, incluíndo tamén multiprocesadores orientados ao streaming,
conseguindo así combinar prestacións que atenden ás demandas actuais de xogadores
e creadores.
As novas gráficas GeForce RTX 30 poden contar con até 24 GB de memoria vídeo GDDR6X,
son as primeiras gráficas en poder aproveitar o HDMI 2.1 para 4K a elevadas
taxas de refresco e para xogos en 8K e tamén son as primeiras en incorporar
soporte para o codificador AV1, que permite un grande aforro de largo de banda
no vídeo de alta resolución.
As tarxetas nVIDIA GeForce RTX 3080, con 8.704 núcleos CUDA e 10 GB de memoria
son as que veremos nas tendas a partir do día 17 a un prezo de lanzamento que
parte dos 719 euros, mentres que a máis ambiciosa nVIDIA GeForce RTX 3090, con
10.496 núcleos CUDA e 24 GB de memoria non chegará até o día 24 a un prezo de
saída de 1.549 euros. Para consumidores máis modestos en outubro sairá a RTX
3070, con 5.888 núcleos CUDA e 8 GB de memoria a un prezo que parte dos 519
euros, facendo máis asumible o salto á nova xeración gráfica que tira proveito
da arquitectura nVIDIA Ampere.
Aínda que resulta evidente que estas novas tarxetas supoñen un importante salto
en potencia, resulta curioso que dende nVIDIA quixesen coidar especificamente o
seu uso para a realizacións de retransmisións en streaming, e así prepararon a
nova aplicación nVIDIA
Broadcast que tira proveito do novo codificador de nVIDIA (nVENC) que
ofrece mellor calidade de vídeo ao tempo que descarga de traballo á CPU para
incrementar os fotogramas dos xogos. A aplicación tamén tira proveito da
intelixencia artificial para conseguir a eliminación do ruído de fondo do
micrófono (non só os zunidos, senón tamén cousas como un timbre, o ladrido dun
can ou incluso as pulsacións no teclado), a aplicación de fondos virtuais ás
imaxe captadas pola nosa webcam (ou a aplicación dun efecto de desenfoque de
fondo) e a posibilidade de realizar un encadre automático (a cámara poder facer
zoom sobre a cara do usuario e seguir os seus movementos). Estas
funcionalidades son compatibles coa meirande parte das ferramentas empregadas
para a realización de retransmisións de vídeo en directo, sendo a aplicación
compatible con calquera equipo que conte cunha gráfica GeForce RTX, Titan RTX
ou Quadro RTX.
Vídeo promocional da nVIDIA GeForce RTX 3080