nVIDIA presenta as gráficas GTX 1050 e 1050 Ti a prezos que parten dos 109 dólares

martes, 18 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos meses nVIDIA lanzou unha serie de tarxetas gráficas con arquitectura nVIDIA Pascal dirixidas principalmente a dotar aos ordenadores persoais de potencia dabondo como para mover experiencias de realidade virtual de xeito fluído e xogos en ultra alta definición, pero desta volta optaron por apuntar baixo en especificacións para conseguir un prezo moi axustado, e así teremos as gráficas GeForce GTX 1050 a prezos que parte dos 109 dólares e as GTX 1050 Ti que parten dos 139 dólares, ou sexa, que por un prezo asumible será posible que un ordenador actual sexa capaz de correr os últimos videoxogos en Full HD a 60 fotogramas por segundo estables.
Outro detalle salientable das novas gráficas é que só consumen 75 watts, de xeito que son compatibles cun amplo abano de equipos informáticos (xa que non precisarían dun conector externo de alimentación) e poden instalarse de xeito doado, converténdose nunha boa opción para quen desexe actualizar a súa gráfica por unha máis moderna.
As novas gráficas de nVIDIA comercializaranse a través numerosas marcas como ASUS, Gigabyte, MSI, PNY ou Zotac, e as tarxetas con GTX 1050 Ti estarán dispoñibles a partires do 25 de outubro, mentres que as GTX 1050 comezarán a venderse aproximadamente o 8 de novembro. Esta última gráfica sería a máis básica, con 640 núcleos CUDA, 2 GB de GDDR5 e memoria a 7 Gbps, mentres que a GTX 1050 Ti contarían con 768 núcleos CUDA, 4 GB de GDDR5 e memoria a 7 Gbps. En ambos casos poderían mover unha resolución de 7.680 x 4.320 píxeles a 60 cadros por segundo.

Vídeo de presentación das nVIDIA GeForce GTX 1050

PUBLICIDADE