Fenómeno Twitter: unha ferramenta que nos pon en liña co mundo, mesmo sen estar en liña

martes, 20 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Se cadra é cedo de máis para cualificar a Twitter de “novo fenómeno da Web 2.0”, pero cómpre seguilo de preto, porque está en boca de moitos blogueiros de todo o mundo e algúns deles escasamente sospeitoso de deixarse levar polo entusiasmo perante calquera desenvolvemento tecnolóxico ben presentado. Como este por exemplo, ou estoutra. O xornalista Javier Pastor mesmo confesa ter caído nas redes desta ferramenta, á que por outra banda cualifica como “inútil”. Inútil ou non, o caso é que semella ir encamiñada a afondar un pouco máis na posibilidade da comunicación total. O seu creador é un dos fundadores de Blogger, Evan Williams. En liñas xerais, Twitter consiste en mesturar, un pouco coma no caso dos blogs, unhas cantas doses de “autoimportancia”, de lecer, de procura de novas amizades, de participación e dun espazo firme (unha voz) no virtual.
Así, probablemente haxa que ter os niveis de autoestima ben altos (cousa que non ten por que ser mala, a priori) para poñerse a usar a fondo Twitter, que basicamente consiste en contarlle á comunidade internauta mundial o que estás a facer nun intre concreto. Este proceso pódese levar a cabo por dous vieiros fundamentais: ben sexa vía mensaxe instantánea dende un computador con acceso á Rede ou ben dende un móbil lanzando un SMS.
O proceso non remata aí: unha vez que teñamos habilitado o noso espazo web en Twitter (que é onde damos conta das cousas interesantes que nos pasan, ou non), os nosos contactos poden engadirnos ás súas listaxes e recibir información no momento sobre o que estamos a facer. A ferramenta, que semella afondar un pouco máis na liña de estármonos decote conectados mesmo cando non estamos conectados (ou cando non estábamos conectados: comendo, paseando, de festa), está a ter éxito en determinadas redes sociais que son, por dicilo de xeito coloquial, coma unha piña. Ou sexa: neses colectivos nos que máis tarde ou máis cedo moitos de nós entramos e no que calquera cousa que se diga semella ter importancia, e calquera mínima acción, digna de seren documentada.
Evidentemente, Twitter non ten apenas interese se non temos contactos ou non estamos nos contactos de alguén. Deste xeito, seríamos máis unha illa ca nunca. O número de caracteres que se poden incluír por mensaxe é de 145.

PUBLICIDADE