wificlientesR deixará de funcionar o 31 de marzo

venres, 27 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

A primeiros de 2012 o operador de telecomunicacións R estreou unha rede sen fíos para que os seus clientes puidesen acceder á Rede fóra do seu fogar aproveitando a conexión achegada por routers da compañía instalados por toda Galicia, renovando este servizo en 2015 co novo wificlientesR, que presumía de achegar máis de 60.000 puntos de acceso Wi-Fi, combinando routers dos propios clientes da compañía e routers profesionais colocados en lugares con grande afluencia de usuarios.
Pero a compañía asegura que agora que a banda larga móbil está tan espallada e o operador conta finalmente con 5G, o uso da rede wificlientesR reduciuse considerablemente, polo que non estiman oportuno manter o servizo, de aí que estean a informar aos seus clientes de que o vindeiro 31 de marzo wificlientesR deixará de funcionar por existir alternativas máis avanzadas que ofrecen un servizo máis axeitado á situación actual.

PUBLICIDADE